LugoPatrimonio :: Asociación Cultural

 

O sábado tamén visitamos Salcedo para ir ao seu teatro. Podes ver tamén as fotos no noso álbum de FOTOS.

 


Alternativas para a consolidación do Entroido Ribeirao e mais o de Salcedo 

  1. Campo de traballo e obxectivos
 

      O traballo para manter o Patrimonio Inmaterial das Terras de Lemos vén de séculos atrás. Este traballo está representado nestes momentos polas Asociacións seguintes: 

      Asociación cultural As Fachas de Castelo (Taboada), Asociación xuvenil e cultural “Os Turulecas”, de A Cervela (O Incio), Asociación de Veciños de Salcedo (A Pobra de Brollón), Asociación Amigos do Entroido Ribeirao (Santiago de Arriba-Chantada), Asociación Os agucios (Vilelos-O Saviñao), Asociación cultural Souto do Val, da Ermida (Quiroga).

      Desde hai dous anos, a Asociación LugoPatrimonio, comezou a traballar tamén  coas anteriormente citadas cos obxectivos de facer unión entre todas para elaborar conxuntamente programas e alternativas concretas dirixidas ás entidades públicas e privadas, de cara a conseguir a consolidación e desenvolvemento deste Patrimonio Inmaterial. Traballou, tamén para unir as distintas administracións neste Programa concreto, de xeito que a súa actuación ao respecto estexa coordinada tamén, para o aforro económico e o mellor cumprimento dos obxectivos. 

      Para isto, valeuse do seguinte programa inicial:  

  1. Declaración destes ritos festivos como festas de interese turístico e novas figuras que xirarían arredor da idea de protección como Ben Rural de Interese Cultural e Etnográfico (BRICE).
  2. Catalogación de todos os elementos patrimoniais que existen en cada zona.
  3. Contratación de persoal cualificado para estudar e investigar todo o relacionado con estas festas, nos seus aspectos histórico, etnográfico, etc.
  4. Creación dunha Escola Permanente de Formación que aproveite as persoas que neste momento manteñen a tradición e a sabedoría destas festas, pois en pouco tempo xa non poderemos contar con elas. Formación para a xente nova das parroquias, nenos e nenas en xeral e incidencia a través da Escola nos centros de ensino  e dentro dunha actividade cultural ben planificada. Isto levaría a fixar postos de traballo a partir da xente coa que se conta en cada lugar, vella e nova.
  5. Creación de talleres de artesanía a partir do vestiario e material usado polas persoas que activan as festas, como campaíñas e chocas, cintos, camisas, pantalóns e blusas, panos, sombreiros, fitas (colonias), peles,... o que nos levaría a potenciar traballos de ferreiros-as, costureiras-os, tecedores-as, carpinteiros-as, etc., sen esquecer tampouco outros produtos artesáns relacionados tamén con obxectos para agasallo ou produtos típicos da zona no aspecto gastronómico.
  6. Rehabilitación do patrimonio material da zona de influencia de cada punto onde se dá a festa, con planificación de fases de actuación no caso de ser moi custoso.
  7. Atención ás infraestruturas necesarias para unha mellor comunicación vial e a unha boa presenza dos lugares e aldeas.
  8. Sinalización coidadosa nas estradas para chegar sen problema ao lugares da  festa.
  9. Potenciación e coidado de rutas a crear arredor da propia festa (Ruta do Entroido, Ruta do Oso, Ruta da Danza, Ruta dos Castros... ou aquelas que sexan de interese polas características paisaxística e patrimoniais propias de cada punto).
  10. Creación e desenvolvemento do Itinerario da Festa e do Rito que uniría os seis puntos indicados, con chamadas propagandísticas para visitalos nas distintas estacións do ano: Primavera (Entroidos), Outono-Verán (Danzas e Fachas). Curiosamente, o tempo festivo e ritual está relacionado, sobre todo, co solsticio de inverno, aínda que a súa celebración sexa noutra época debido a cambios de datas relativamente recentes. Este Itinerario distinguiríase por un logo chamativo.
  11. Confección de Programas culturais e turísticos espallados por todas as casas de turismo rural, hoteis, restaurantes, agrupacións culturais, etc., co obxecto de darlle ao e á visitante alternativas para poder pasar uns días de lecer pola zona. Isto conlevaría a edición de folletos, DVD, libros e música e un estudo máis detallado dos ritos, sempre baixo a denominación do Itinerario da Festa e do Rito, e co coidado de respectar o sentido cultural profundo e non a folclorización no seu sentido máis negativo.
  12. Recollida da música producida nos diversos ritos festivos para o seu estudo, edición e acompañamento de calquera actividade realizada a respecto dos mesmos.
  13. Estudo e presenza do contexto paisaxístico como contorno físico e determinante para a creación do rito.
 

      Trátase, xa que logo, de levar adiante no prazo de 5 anos,

os puntos indicados 

      2. Puntos conseguidos ou en trámite de consecución 

      Dos diversos encontros mantidos coas consellarías de Medio Rural, Cultura e Deportes, Innovación e Industria, Vivenda e Solo, Igualdade e Benestar Social, e coa Vicepresidencia da Deputación provincial e algúns dos concellos do ámbito xeográfico das Asociacións, como o de Chantada, Taboada ou A Pobra do Brollón, temos conseguido: 

  1.  
    1. Declaración de Festa de Interese Turístico para as Fachas de Castelo.
    2. Dúas becas por parte da Deputación Provincial de Lugo para o estudo e investigación das festas. Neste momento están realizando ese traballo.
    3. Atención e axudas económicas para o desenvolvemento das actividades anuais e a potenciación das celebracións.
    4. Proxectos para a rehabilitación ou construción de locais sociais e centros de interpretación nos casos de Castelo e Santiago de Arriba.
    5. Proxectos a piques de se licitar para rehabilitación do cabido, angarellas e pinturas da igrexa románica da Cervela así como das imaxes, fonte  e capela de San Roque.
    6. Estudos e proxectos orzamentados para a intervención nos espazos públicos dos núcleos de Salcedo, Santiago de Arriba e A Cervela por parte das Consellarías de Vivenda e Medio Rural.
    7. Creación  de Unidades Didácticas para introducir nos centros de ensino.
    8. Obradoiros, conferencias e exposicións en Chantada sobre o  Entroido Ribeirao co obxectivo de poñer en relación as distintas xeracións.
    9. Axudas para a rehabilitación de vivendas en toda a zona.
 
 
 

3. NECESIDADES PONTUAIS DE CADA UNHA DAS FESTA E ACTIVIDADES 

Entroido Ribeirao: Santiago de Arriba

  • Construción do Centro de Interpretación do Entroido Ribeirao que contemple almacén, sala para exposicións e centro de interpretación, con usos, no seu caso, para reunións, proxeccións e actos culturais, taller para a confección de sombreiros, fitas e carautas.
  • Acondicionamento  do campo da Festa, onde se celebran os oficios  do Entroido.
  • Atención ás fachadas das casas de Santiago de Arriba.
  • Alternativas ao problema das campaíñas que levan os Volantes, chocas, camisas de pano sedán, panos...
  • Actividades permanentes.
  • Persoal para a atención a este Programa.
 
 

Entroido de Salcedo

  • Arranxo da Estrada Pobra do Brollón-Salcedo.
  • Asfaltado da pista de Salcedo a Paramedela.
  • Melloras no alumeado público de Salcedo.
  • Acondicionamento  do campo da festa.
  • Rehabilitación da zona das Pendellas e A Carreira.
  • Rehabilitación do Altar Maior da Igrexa.
  • Ampliación do local social multiusos.
  • Alternativas para a recuperación da aldea de Parada dos Montes co obxectivo de convertela nun grande Centro de Interpretación en vivo da nosa cultura tradicional rural.
  • Actividades permanentes.
  • Persoal para a atención a este Programa.
 

      O Congreso sobre PATRIMONIO INMATERIAL DAS TERRAS DE LEMOS proclama, xa que logo, a necesidade de presentar os puntos indicados en todas as instancias públicas e privadas que se considere, coa fin de conseguir a súa consecución no prazo máximo de 5 anos. 

      Chantada, A Pobra do Brollón, 22 e 23 de febreiro do 2008.


      En base ao lugar que habitamos, os galegos e galegas construímos desde vello formas de traballo, de relación co noso medio, e vemos o mundo con ollos propios, educados precisamente nesas formas e relacións de traballo. As Asociacións que convocan este Congreso levan moito tempo traballando para manter o xeito xenuíno de proxectarnos no cultural: na música, na danza, no lume, ou na picaresca do Entroido. As Asociacións recolleron así a transmisión cedida desde hai séculos polos nosos devanceiros. E, milagrosamente, resistiron o embate da uniformidade predicada pola globalización.  

      Falamos, por tanto, doutra cultura insertada no mundo, rica e variada, pero nosa, propia. Dinámica e colectiva como a predicaban Castelao ou Otero Pedrayo. Ninguén, ante ela, fica parado. Ten que xogar, ten que moverse. Non falamos, por tanto, da cultura pasiva, desa cultura urbana do sofá e da televisión controlada cun mando que nós non gobernamos, aínda que coidemos que si. 

      Este foi o noso intenso traballo asociativo durante dous riquísimos anos. Dignificar a Cultura Inmaterial nosa, nacional, por tanto; comezar a asentala coas axudas precisas. Favorecela no económico e na súa infraestrutura. Chamamos ás portas da Administración e abriron. Quizabes porque tiñamos en común a sensibilidade de emocionarnos diante dos ritos do lume, da danza ou do Entroido legados polos nosos pais. Quizabes porque as consellarías de Medio Rural, Vivenda, Turismo, Cultura ou Benestar Social, e mais a Vicepresidencia da Deputación ou concellos como o de Chantada  Monforte ou a Pobra do Brollón, saben que a construción dunha personalidade, individual ou colectiva, non se pode modelar só coa pedra e o cemento: o sangue da liberdade e do benestar sediméntase na cultura inmaterial cicelada na nosa comunicación social.

      Este Congreso, nesta primeira parte, Xornadas de Primavera, vai unir a teoría necesaria da investigación sobre os nosos ritos festivos, coa práctica popular da súa factura. Aprenderemos pola mañás no científico; polas tardes, no popular, na acción de quen nos convidan a nos meter con eles para mover as emocións variadas. E a segunda parte, con mensaxes de danza e lume, terémola en agosto e setembro. 

      En nome das Asociacións convocantes, agradezo aos patrocinadores do Congreso, Medio Rural e S.A. do Xacobeo, representados polo seu conselleiro e Director Xerente; e ao Concello de Monforte, na persoa do seu alcalde, a axuda prestada, o interese que mostraron arreo para calquera das alternativas que en cada momento lles presentamos. E agradecémolo, sobre todo, porque souberon, saben, que investir na cultura inmaterial é investir tamén na material: os entroidos Ribeirao e de   Salcedo pódennos abrir centros de artesanía, centros de interpretación, rehabilitación de casas e prazas... en fin, a postos de traballo tamén, relacionados, precisamente, co medio rural.

 

      E agradecemos a presenza de todos vostedes por acudir a esta convocatoria que estamos seguros que perfeccionará a consciencia, animará o riso e moverá a diversión. 

      benvidos, benvidas e

      Moitas grazas por participar.  

      Monforte, 22 de febreiro do 2009

 

 

            Son máis dun cento de persoas moi variadas, de todas as idades e profisións, e de lugares distintos, mesmo de Madrid, as que van participar no Congreso, polo cal quedamos francamente satisfeitos. O noso agradecemento a todas elas polo seu interese e a participación.

            Para un mellor funcionamento do mesmo, facemos as seguintes recomendacións:

  • Cumprimento escrupuloso dos horarios, principalmente nos tempos de identificación e recollida de material, así como na sesión de apertura, que comezará ás 10,00 h. en punto do día 22 de febreiro, coa presidencia de: Conselleiro de Medio Rural, Director Xerente do Xacobeo, Alcalde de Monforte, Presidente de LugoPatrimonio e representante das Asociacións convocantes.
  • No momento de recollida do material do Congreso entregarase o recibo de ter abonada a matrícula.
  • Pedirase, tamén, a aceptación ou non de usar o autobús para desprazarse aos lugares onde se celebran os Entroidos.
  • É importante que todos os e as congresistas teñan reservado ou decidido o restaurante onde van comer para que se poidan cumprir os tempos de saída dos autobuses.
  • Atención á roupa que se leve o luns pola tarde, pois debe ser a máis acaída a esa impresionante corrida do Oso de Salcedo, e ás súas falcatruadas. Pero sempre haberá alternativas segundo o grao de participaciñon que elixa cada quen.

 

            SEDE, POIS, BENVIDOS E BENVIDAS A ESTAS XORNADAS NAS QUE APRENDEREMOS COUSAS E SABEREMOS UN POUCO MÁIS DE CÓMO OS GALEGOS E GALEGAS CONSTRUÍMOS O RITO E A FESTA. E, NON O ESQUEZADES, AS XORNADAS PIDEN TAMÉN O NOSO DIVERTIMENTO E ALEGRÍA..

 

Para coñecer máis sobre o Oso e o Entroido Ribeirao visita as súas páxinas web:

http://www.ensalcedo.org/

http://entroidoribeirao.es/

Mércores, 28 Xaneiro 2009 23:10

Entroido do Oso 2008

Mércores, 28 Xaneiro 2009 23:00

Danzas da Cervela 2008

Mércores, 28 Xaneiro 2009 22:59

Festa dos Maios en Lugo

Mércores, 28 Xaneiro 2009 22:58

Festa das fachas en Vilelos 2008

Mércores, 28 Xaneiro 2009 22:57

Entroido Ribeirao 2008

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe á Coruña guiada por Felipe Senén López +

    Día 21, sábado Viaxe á Coruña guiada por Felipe Senén López. Saída ás 9,00 h. Ler Máis
  • Anotación para a viaxe do día 25 de outubro a Santa Eulalia de Bóveda, Museo etnográfico da Torre de Xiá (Narla) e aos Baños romanos de Lugo +

    Día 9, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de Xosé Manuel Sánchez Rei filólogo, escritor, Ler Máis
  • Conferencia de Xosé Manuel Sánchez Rei filólogo, escritor, profesor titular na UDC sobre “O galego-portugués herdeiro do latín” +

    Día 9, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de Xosé Manuel Sánchez Rei filólogo, escritor, Ler Máis
  • 1

Faite Socio

Hai varias modalidades de socios de LugoPatrimonio.

Ver +info

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO